10 Aniversario

29 Abr 2010 , Non hai Comentarios »

2006 Cumplimos 10 anos e algo máis dunha Volta ao Planeta…

Unha década é moito e non e nada.
Parece que foi onte cando pedaleábamos sobre as nosas bicis de “pau”, sen tubeless, sen camelback, sen freos de disco, sen, sen, sen…pero con ganas de compartir  camiños e paisaxes , coa  ilusión de crear un novo xeito de facer deporte en grupo.
Agora axúdanos a crear equipo a nosa páxina web, a comunicación electrónica, o G.P.S., pero todavía seguimos parecéndonos a aqueles que en 1996 decidimos sair ó monte sobre duas rodas: Quixéramos  ser  máis.
A pesares de ser na actualidade o noso un dos equipos con máis número de licencias de categoría cicloturista de Galicia, segue vixente aquel lema de captación de socios que estaba acompañado da imaxe dun ciclista perdido no monte e con problemas mecánicos:
“Non saias So”.
Logo co transcurrir das temporadas algúns daqueles entusiastas colegas de pedalada foron deixando de vir con nos, outros foron sumándose pouquiño a pouco. Todos eles sen excepción pousaron algo de seu no club ainda  que tivo que ser uha muller (non podía ser doutro xeito) a que organizou programas, animou a sair cando non había ánimos, conquistou mais “territorio ultreia”  ca ninguén. Tamén contábamos e contamos con  persoas imprescindibles na  presidencia, na directiva, na Ferradura… dispostos a sair con temporal do suroeste sen os cales o club btt ultreia non sería posible.
Tamén nestes anos mudamos e ampliamos  o noso xeito de practicar  ciclismo.
Tomamos  saida en  competicións de rallie, maratón e sobre estrada o que para nós é sempre sinónimo de  éxito seguro pois facemos verdadeiro o “slogan” : “O importante é Participar”.
Organizamos  marchas de promoción e federadas que nos levaron a Fisterra, unha das primeiras de longa distancia,  e que foron creando noutros ciclistas de montaña o recoñecemento do noso xeito de facer as cousas e de preocupación polas persoas.
Asistimos nos últimos periodos de outono-inverno e con frecuencia ás sesións de “ciclismo baixo teito” ou “fitbike” onde compartimos outras maneiras e momentos que tamén van creando equipo.
Redescubrindo a nosa antiga terra  e empregando a nosa lingua estamos en definitiva a “facer país”.
Dende a Costa da Morte ata os cumios do Caurel, dende a Serra do Gerés ata os cantís de Santo Andrés de Teixidoescoitase o rodar respetuoso das nosas máquinas. A través dos antigos camiños de Compostela  ou seguindo os cursos do Xallas e do Tambre resoa o berro  “¡Ultreia!” o paso por debaixo de cada ponte.
Sempre sendo respetuosos co medio ambiente, coa xente. Empregando o idioma galego nas comunicacións, na páxina web, na charla amigable polos carreiros. Acollendo xenerosamente a quen chega a pedalear ó noso carón. Colaborando na limpeza das nosas costas, asistindo ós  accidentados, alertando dalgún incendio forestal nos constituimos en algo máis que un grupo deportivo.
– En caso de duda,…a máis dura.” –
-“Imos subir ó Monte Pedroso llaneando”-
-“Creo que por aquí xa pasamos”-, cando atravesamos en bicicleta a Praza do Obradoiro.
– Despois dunha aparatosa caida: -“¿qué pasa? Cada un baixase da bici como quere”-.
Son estes e tantos outros comentarios, anécdotas e pequenas aventuras os que non fan rir cando os recordamos. A verdade é que o final é o máis importante que nos queda. A amistade, as horas compartidas, as dificultades superadas, ter a seguranza que contas.
Inicialmente a elección das nosas cores azul e negra resultou froito da casualidade. Non se atopaban “maillots” de cor morada como queríamos polo que mercáronse azuis.
O “culotte” tiña que ser negro pois a maioría naqueles días da pasada década tiñamos algún…Tras esa coincidencia, engadindo o amarelo deseñouse na seguinte temporada a nosa equipaxe. Viaxou ata as máis sobranceiras probas cicloturistas do Estado, subiu ó máis alto do caixón no Campeonato Galego de Fondo en Estrada  no 2004 e do Open de Marathón no 2005 demostrando unha inconfundible elegancia.
Neste décimo aniversario que celebramos renovouse un pouquiño para celebralo. Gardamos esas mesmas cores que nos recordan sempre o azul e branco  do mar ou o amarelo  das sinais dos Camiños de Santiago. Resultaba  e desexamos que o siga sendo inconfundible, propio, algo que nos identifica e nos destiñe na pel.
Ainda queda moito que pedalear, rutas que trazar, paisaxes que descubrir.
As veces parécenos que nada novo pódenos ofrecer este xeito de facer deporte. Outras sentímonos un pouco cansos e máis vellos…. Pero, cada lugar pode parecer distinto segundo a estación  do ano na que o visitemos, cada kilómetro compartido pode resultar diferente pois nos tamén non somos os mesmos.
Asi que  ¡Ultreia! (¡Animo, adiante! ) ¡ E sus eia ! ( ¡!) imos darlle outra volta mais o Planeta.*


* Estimamos que os kilómetros percorridos polo Club BTT  ULTREIA nesta primeira década supera os 40.070 Km. que mide a circunvalación da Terra.

Facer un comentario

You must be logged in to post a comment.

Sitios que che interesan

Destacamos

As nosas Rutas

Wikiloc