Descenso do Xallas

30 Abr 2010 , Non hai Comentarios »

Percorrido: Anxeriz – Sta Comba – Pte Olveira – Ezaro

Distancia: 79Km.

DESCENSO DO XALLAS EN BTT

III Concurso de rutas cicloturistas da Comunidade Galega (A.G.A.C.)
Feros corvos de Xallas
que vagantes andás,
en salvaxe compaña,
sen hoxe nin mañán;
¡quen poidera ser voso compañeiro
pola gándara longal!
(E.Pondal. “Queixumes dos Pinos”)

PRESENTACIÓN

¿Quen dixo que os cicloturistas de Ultreia non eran quenes de peparar unha marcha sen escaladas?

Para mudar o tópico de que as bicicletas de montaña só sirven para subir, escoller o “descenso” dun río sería moi acertado.

O río Xallas que discorre paseniñamente pola planicie que lle da nome resultou elexido.

Pero non…seguir o curso das augas, comprobar como medra a cada kilómetro, atravesalo doce veces dende o seu nacemento ata a súa morte na Fervenza do Ezaro non define un descenso puro, senon duro.

Agora ben, disfrutaredes de amplos horizontes custodiados polos xigantes dos parques eólicos. Lembraredes a histoia na Ponte de Brandomil e na casa dos Mouros. Bordearedes o Encoro da Fervenza. Matinaredes sobre o equilibrio da Pedra Cabaleira de Brasal. Admiraredes o deserto granítico de O Pindo e rodaredes ledamente se o vento Nordés segue ás vosas costas durante a travesía. Engrasade o prato grande e…

¡Coidado cos feros cans do Xallas!

FICHA TÉCNICA
Modalidade: travesía de longa distancia
Distancia: 78,6 Km.
Duración: Aproximadamente 5 horas a 15 Km/h.
Mapas: do I.G.N., escala 1:25.000, 68-III Dumbría, 68-IV Baiñas, 69-I Agualada, 69-III Sta. Comba, 93-I Brens, 93-II Mazaricos, 93-III O Pindo.
Desprazamento: En autobús ou coches particulares ata o Parque Eólico de Monte Castelo (Anxeriz) nas proximidades do kilómetro 13 da estrada Santiago/Carballo e regreso dende Ezaro.
Dificultade:
Técnica: ningunha.
Física: alta debido á distancia.
Superficie: Moi variada, asfalto e pistas de terra, tamén corredoiras e camiños.
Ciclabilidade: Total, exceptuando a saida do cauce do Rego de Hospital.
Desnivel acumulado:
Baixada: 847 m.
Subida: 489 m.

PLANO DO PERCORRIDO


LIBRO DE ROTA

Nunha limpa mañá de primavera no nacemento do principal e máis alto dos meus colectores, o rego de Bazar, sinto o ir e vir dun grupo de humanos. Algúns enchen as cantimploras cos fíos da súa auga. Sorpréndeme a visión pois é pouco común atopar cabaleiros con cascos tan vistosos sobre tan extrañas monturas de dúas rodas. Creo que gostan chamarse ciclistas. Na aba do Monte Castelo, leo un nome sobre os seus uniformes azuis: Ultreia. Lembro que significa ¡ánimo!, ¡adiante! E empregado polos peregrinos de Compostela para avanzar ante as dificultades do seu camiño. Máis lle valera a estes rematar os preparativos e entoar o berro.

¿Saberán os ciclistas que…?

“Monte Castelo constitúe unha zona de rochas ultrabásicas que leva asociada unha flora moi determinada coa formación de endemismos vexetais, entre os que destaca Centaurea ultreiae, única localización mundial que se diferencia das outras centaureas por ter flores amarelas e non púrpuras,” (Caramelo, 1995: 139).

Por fin, o grupo ciclista comeza a circular baixando pola estrada cara a Santa Comba e deixando ás súas costas os modernos viraventos do parque eólico de Monte Castelo. A dereita, unha cubeta orográfica tapizada de uces enfía a primeiras augas do rego de Bazar. Dende estas alturas, gracias a ser impulsados pola suave pendente, os ciclistas alzan a vista ó fronte como intuindo o seu destino.

“Es, pues, la comarca del Xallas, una zona amesetada y
cruzada por cerros alomados que destaca de las comarcas
adyacentes no por rebordes montañosos elevados sino por
una serie de fracturas que la contornean y le dan un aspecto de horst”
(Rio Barja, 1975: Xallas, Terra de ).

O equipo ciclista pasa por diante do fito kilométrico 63 da estrada, viran perpendicularmente e rodan sen mover pedal sobre unha pista ancha ata cruzar, case sen decatarse, sobre o rego de Bazar. Tras este primeiro paso sobre as augas, ¡realizan outro repentino xiro de 90 graos á esquerda! Encamiñánse por unha corredoira que pronto accede a unha pista con moi bo firme de terra. Síguena pola esquerda, continuando o leve desecenso que permite os primeiros sorrisos dos participantes. Estos, chegan a un cruce con asfalto, continuan o descenso cara á dereita para atravesar de novo o curso do Bazar por unha pontella con varanda e alcanzan a aldea do mesmo nome. Nas primeiras casas un curto xiro á dereita do guiador da súas bicicletas fainos discurrir a través da aldea coas construccións dispostas ó xeito de rúa. Algún dos integrantes do grupo comenta a similitude coas poboacións á beira do Camiño Francés a Compostela, obxectivo doutras aventuras e que en Galicia reciben o nome de A Brea, Rúa, Calzada, etc.

De seguido atopan a igrexia parroquial de San Mamede enfocados polas sorpresivas miradas dos meus paisanos. Os cicloturistas de montaña, que así adoitan a chamarse, abandoan o núcleo aldeán pola dereita entre as casas e sobre unha antiga corredoira. Seguindo de fronte cruzan por última vez o curso do Bazar por unha pista de terra á beira dun nostálxico muiño. ¡Pero o equipo non está completo!. Os máis inquedos desvianse á esquerda, atravesan o río por unha pontella antiga e seguen o curso das augas ata a confluencia coas dos regos Castiñeira e Vilamaior

¡Atopáronme!….Aquí nazo eu: o Río Xallas. Permítanme que me presenten:

O Xallas está formado por varios regos: o Vilamaior, o Castiñeiras e o Bazar que o temos polo máis importante e que nace no monte Castelo a 440 m de altitude.

Forma, pois, unha cabeceira baixa dende a que se dirixe ó SO pola parroquia de Bazar, onde se unen os demais regos que,xuntos, forman o Xallas. Nas doces pendentes de gabros e anfibolitas o Xallas corre maino sen fende-la canle.

Discorre despois por terreos da zona de Santa Comba formados por xistos, gneis migmatíticos e de biotita apizarrada que forman terreos axeitados para a formación de grandes bolsadas wolfrámicas , que foron explotados dabondo nas minas de Couso, ó N de Santa Comba.

Logo, o curso faise de máis en máis divagante e pola parroquia de Brandomil describe grandes meandros e crébase en varios cursos que deixan entre si algunhas illas. As chuvias invernais desbordan, de cotío, o río; os asentamentos humanos foxen das beiras do rí, quedando éstas ocupadas polos pastos e transformando esta zona nunha verdadeira “Limia”.

A altura de Olveira entra o Xallas no dominio granítico e comeza un certo encaixamento do río que vai ser aproveitado para o encoro da Fervenza e, augas abaixo, para a represa de Castelo.

Dende Santa Uxía o Xallas enfróntase co granito do Pindo para busca-la saida ó mar por medio da fervenza do Ezaro.” (Río Barja/Rodríguez; 1992: 130-137)

Tras descubrirme e reagruparse, o pelotón cicloturista volta a rodar polas pistas amplas de concentración. Primeiro viran nun cruce á esquerda e contactan co meu cauce a carón dun muiño que ainda hoxe a forza das miñas xoves augas moven o seu rodicio.

Por primeira vez atravésanme e divisan as casas do lugar de Boimente (km. 6,5) pero seguen pola dereita por unha vía máis estreita paralelos o discurrir das miñas augas. A poucas pedaladas dan cunha pista que baixa ata o meu cauce pero prefiren subir sobre asfalto ata as casas máis extremas deste núcleo de poboación. Atravesan o meu afluente Regueira, visitan a localidade de Frieiro e cruzan o Rego Ventureira para chegar a Estévez (km.9,3 ) onde viran dúas veces á dereita para achegarse de novo a mín por unha pista de terra. De feito pasan sobre a ponte de cemento que construiron sobre un antigo paso de carros. Ningún ciclista molla as rodas da súa máquina como o facían os carros do país tirados por bois. Os comentarios sobre o nivel do meu caudal froito das recentes chuvias parece impresionarlles. O que non lle atopo explicación é a súa teima de avanzar sempre canda mín. Cando non poden achegarse a miñas beiras buscan aquel camiño máis próximo. Cambian de beira cando é preciso atopar o itinerario máis doado e ata admiran o que vou medrando a cada paso. Estou a sospeitar que seguen a miña corrente…

Os ciclistas continúan, nesta outra banda, na dirección das miñas augas por unha pista de terra e cando se distancian un pouco de min retoman o itinerario cunha virada á esquerda que os aproxima ó meu delatador bosque de ribeira formado polos inseparables salgueiros, ameneiros e freixos que me arroupan.

O pe dun cruceiro, entre casas, os teimudos ciclistas topan coa estrada Santa Comba/Coristanco. Deciden seguila con rumbo Sur e así non perderme de vista na ponte de Castriz (km.13,6 ). Ponte que hoxe emprega a estrada e que antes servía a xentes, carros e bestas aló polo medioevo se mal non recordo. Desde aqueles tempos consérvase o nome de “castañas” para chamar ás patacas pois éstas viñeron sustituir ó froito do castiñeiro como parte importante da alimentación humana. Próximo á igrexia parroquial de Castriz, atópase o lugar chamado Xallas pero non sei a quen dos dous nomearon primeiro se ás casas ou ás augas. O que ben sei e que eu estaba aquí antes que eles. O de Terra do Xallas e o de “Xalleiros” veu despois.

Los xalleiros eran vendedores ambulantes de la comarca del Xallas que compraban alfarería de Buño y luego la distribuían y la vendían por tierras pontevedresas del S. de Galicia.

Los xalleiros utilizaban como medio de transporte el caballo y llegaban todos los miércoles a la localidad alfarera de Bergantiños para comprar la mercancía, que colocaban sobre sus caballerías en redes magistralmente entretejidas.”

“Su aspecto desaliñado y de abandono quedó plasmado en la frase vistes como un xalleiro, aún hoy aplicada a la perona mal trajeada”.

(F.C.Q. “Gran Enciclopedia Gallega”. Tomo XXX. 1974:184)

Escoito ruidos de palancas e cadeas metálicas cando a ringleira de bicicletas ascende pola estrada principal ata a última casa (Km 13.). O pé dela toman unha pista á dereita, descenden cara o meu curso, agora máis entalado entre os outeiros, e pasan baixo unha liña eléctrica. Eles séguenme, ímonos facendo compaña nas viravoltas do camiño. Coma mín, non perden rumbo pois rexeitan os camiños que morren nas ribeiras e nas estreitas praderías que baño. Continúan ata un grupo de casas ailladas. A expresión de sorpresa dunha mociña do lugar lémbralles aquelo:

Chamáchesme xalleiriña,
porque casei na montaña,
ainda sei lavar a roupa
coma ti bergantiñana
(popular)

Ben lavadas non van as bicicletas pois a bosta das vacas nos camiños fai que cadros, rodas e incluso bidóns se enchan de merda. A maioría dos ciclistas non se da conta que están a transitar polo “pais das vacas”; tan só no término de Santa Comba residen máis vacas que habitantes.

Un dos ciclistas, consulta o mapa, parece dudar. Eu, agachado non lle servo de orientación. Decide que non deben cruzar a liña eléctrica. Cunha virada á dereita (Km.14), descenden por corredoira e acceden a unha pista asfaltada. Agora xa me descubren nun agradable recuncho entre o afluente Abelleira e a área recreativa da parroquia de Padreiro. Baixan pola pista ata a estrada (Km.15) que comunica esta parroquia coa vila de Sta. Comba. Os cicloturistas escollen dirección cara a capital do Xallas alonxándose de mín. Suben por pedente suave entre piñeirais ata perdermos de vista. ¿Abandonarían o meu rastro? ¿Deixarían de escoitar o rumor das miñas augas? ¡Agora que xa nos faciámos inseparables compañeiros!. Creo que elixiron bo camiño, se é verdade que me seguen, pois neste tramo meu é só accesible a camiñantes e troiteiros.

Na primeira pista que os amigos ciclistas atopan á dereita, xiran (Km.16,5). Xa os escoito de novo, emiten berros de xúbilo pola velocidade que a pendente lles proporciona. Atinan na maniobra pois no fondo da costa, xusto ó pasar un regato, viran bruscamente á dereita en vez de continuar costa arriba ata o antigo lugar de Randufe. Recordo que xa no ano 1409 o Convento de Santa Clara de Santiago poseía tres casares neste lugar. (SOUTO, J./ TAIN, M. / DE TORRES LUNA, M.P. 1997: 79)

O grupo ciclista admírame outra vez sobre unha pontella tras escoller a dereita no último cruce (km. 18,6). Os meus meandros obrigan ós modernos velocípedos a dar rodeos polas pistas pero os seus guiadores sempre viran á esquerda. Algún menbro despistado do grupo confúndeme co rego da Braña Ancha cando o cruza. Un muiño sobre un luminoso prado testemuña, como tantos outros, o sucesivo paso dos ciclistas. De novo cara a esquerda, sempre seguir o meu carón, esa é a súa teima de hoxe. Algúns ciclistas reparan nas plantas acuáticas que me visten, no canto das ras que espertan o meu maino fluir e nun muiño reconstruido na banda contraria ó meu discurrir. Chegan ó recollido lugar de A Xesteira (Km.20,6) onde a fermosura dun rústico cabazo xalleiro contrasta co “feismo” decorativo dunhas figuras de cervo colocadas sobre o valado dunha das casas. Dende a aldea, os ciclistas chegan ata un sinal de “stop”. Incorpòranse á vía asfaltada seguindo cara a esquerda. Pasan por diante dun taller mecánico e topan coa estrada Sta. Comba/Zas (Km.21,6). Como xa teñen a lección aprendida, descencen esta vez cara á esquerda, pois eu ¡sempre agardo abaixo!

Ó pasar sobre a mesma ponte da estrada en dirección a Santa Comba os cilistas advirten que estou a medrar e ascenden durante uns metros sen cambiar de coroa tan só poñéndose de pé sobre os pedais. No altiño viran á dereita para chegar a través dun camiño asfaltado ata unha esquecida ponte, humilde e fermosa a un tempo, que seguramente comunicaba co veciño lugar de Arantón.

Uces da Terra do Xallas,
uces deixásea pasar;
ela é filla de Santiago,
non está afeita a vos tratar.
Uces da ponte de Arantón
non toqués os seus vestidos
que eles para vos non son
(E.Pondal. “Queixumes dos Pinos”)

No lugar de Ponte de Abaixo, a ringleira ciclista toma un camiño pola esquerda entre dúas casas e de seguido pola dereita. Circulan por corredoiras (km. 23, transformadas en cauces estacionais de auga, e unen os lugares de Arán e Espasandín. Unha vez nesta última aldea contactan co asfalto e os cicloturistas prosiguen polas localidades de Arosa e A Casadoira que diviso dende o meu leito fluvial pois a gandara longal permíteme o seguimento a pesares da distancia que nos separa. Outra vez, con intuición de explorador, o grupo expedicionario ignora os camiños que, dende a estrada interveciñal, parten perpendiculares cara mín pois se os elexiran rematarían coas rodas fendidas nas brañas ou nas praderías sen solución de continuidade. Dende estos lares, ás miñas costas, os edificios de varios andares da vila de Santa Comba destacan na paisaxe.

A saída de A Casadoira (km. 26) viran a esquerda sobre terra e apresuran o seu pedaleo pois o ventiño do nordés favorece a marcha, a visión da planicie que atravesa a ampla pista estimula algunha que outra escapada e persecución. O remate da pista de terra, sen necesidade de prestar atención ó desvio da esquerda, atópanme e agrúpanse na praia fluvial e área de lecer de Esmerode. (Km.27) Neste lugar, as miñas augas serven de refresco e divertimento ós célticos de hoxe. Noutros tempos, o meu líquido axudou á vida deste pópuli de cultura castrexa que vivía entre o Tambre e Bergantiños. Hoxe a feligresía con sede en Sta. Comba conserva este xentiliceo.

Un ciclista reinicia a marcha cruzando a ponte, os demáis ségueno con preguiza pois a tranquilidade do lugar invita a quedarse. Os poucos metros, trocan o asfalto pola terra da primeira pista que parte pola dereita. Seguen a rodar dereitiños con ritmo ledo moi perto de mín ata Outeiro. Retoman o asfalto virando na aldea á dereita ata a Ponte de Tapia (Km.30,4) que, por suposto, utilizan.

A ringleira ciclista segue a pista de asfalto cara o noroeste con algunhas excepcións pois os meus meandros e o meu afluente máis importante, o río Abuín, obríganlles a dar algúns rodeos. Pronto retoman o rumbo S.W. no primeiro cruce con asfalto á esquerda ata Ribeiro e Truebe (Km.33,4) onde lembran as verbas que describen esta paisaxe.

En ningún caso se trata de formas de relieve violentas, todo lo contrario, el aspecto cuando se mira en cualquier dirección en el horizonte es de un terreno suave en siluetas; valles menores y colinas van sucesivamente relevándose. Y es que todas estas tierras son parte de la vieja penillanura de Galicia, muy poco disecada en este retazo

(Souto, J./ Taín, M. / De Torres Luna, M.P. 1997:44)

Entre as construccións da aldea seguen sobre asfalto e desvíanse á esquerda en lixeiro descenso polo Monte de Truebe. Eu agardo baixo unha ponte (km. 36) frecuentada por troiteiros. Unha vez máis, os ciclistas ascenden desde o meu cauce, viran á esquerda pola primeira e saen á estrada Negreira-Muxía para poder cruzar sobre o Maroñas que aumenta e anima o meu caudal. Cando o grupo supera o marco 35 da estrada aproxímanse ó meu rumbo desfacendo cruces de pistas forestais. Eu xogo ás agachadas pois os materiais da terra e a pendente obríganme a facerme cantareiro. Nun punto, sen verme (km. 41), seguen a pista á esquerda e conectan coa estrada anterior. Vémonos de novo un kilómetro máis adiante pasado Calabando. Alí gárdolles unha fermosa sorpresa: A Ponte de Brandomil.

Trátase dunha “obra medieval sobre fundamentos romanos.
Os catro arcos desiguais, un barudo peitoril con refuxios sobre os tallamares e contrafortes, e a calzada alombada,
forman un conxunto armonioso e suxestivo.
Na banda esquerda descóbrense restos de calzada romana
e na dereita érguese un castro.
Os importantes restos romanos achados no arredores
fan supor a existencia dunha mansión pertencente a vía
romana que pasaba por Negreira.”
(Laredo;1982:90-91)

Repostos da emoción de atravesar a antiga ponte (Km.42), os cicloturistas de Ultreia afrontan o reto de seguir pola estrada durante varios kilómetros. Eu, desde Brandomil, separo as miñas beiras en inmensa apreta ás terras que quedan baixo as augas cando pola man do home transfórmanme, contra a miña vontade, en mar interior. Os camiños rematan asolagados nas ribeiras do encoro de A Fervenza e a fluctuación estacional do nivel das augas failles imposible unha marcha ó meu carón. Eu, quérolles xa, polo que fago maís doado o seu desvio saudándolles por debaixo da estrada ou ofrecéndome como prateado telón de fondo no seu discurrir polas interminables rectas. Seguimos xuntos a viaxe ata as primeiras casas de Baiñas onde un indicativo: Outeiro (Km.51,5), obrígalles a deixar a principal para continuar sobre asfalto pola esquerda. Na man contraria, ven pasar as aldeas de Outeiro e A Bouza dirixindo os guiadores cara a de A Gandara onde tamén agardo eu. Unha vez pasan baixo unha liña de alta tensión eléctrica e na primeira casa do lugar (Km.53), realizan un cuarto de xiro á esquerda para seguir por unha corredoira como querendo afastarse de mín. ¿Perderíamos as amistades?. Non, xa me decatei… outro centro de interese atráelles nestes momentos. Saen a un cruce de camiños, seguen dereitos e a beira dereita da pista, baixo a liña eléctrica descubren a anta chamada Casa dos Mouros. (Km.54) Alí, nun dos monumentos megalíticos máis importantes da nosa terra, escoitan o escrito por outros colegas da B.T.T.

As mámoas. Tamén coñecidas por Modias, Medorras ou Medoñas, son monumentos megalíticos de carácter funerario datados fundamentalmente no terceiro milenio a. C.

Estan formados por un dolmen ou anta, grandes lousas chantadas verticalmente cunha horizontal a xeito de teito, e un túmulo ou montiño de terra e pedras que cobre o anterior. No interior efectuábanse os enterramentos que eran colectivos. En Galicia o tamaño é menor cos do resto da Península, e o enxoval máis pobre. Este consistía principalmente en útiles de pedra e cerámicas, escaseando os metais.

(Dopazo/Simón; 1998: 224)

Moi aló no tempo, fun testemuña dos traballos dos antigos poboadores para construirem os megalitos que, nesta miña terra, abondan. Hoxe, estos apaixoados da B.T.T. retroceden ata o cruce anterior e ascenden pola pista máis ancha. Unha vez logrado o outeiro, descenden ata Vila Fernández a un novo encontro conmigo (Km.55,5). Neste lugar celébrase a afamada Festa da Fervenza, nome recordatorio do anterior ferver das miñas augas para salvar a pendente dos montes que me cinguen.

Os ciclistas deciden seguirme ata a presa (Km.56,5). Baixan cara á dereita deixando o ramal que comunica coas turbinas e escollen (Km.57) a pista de terra que, xa no baixo, parte pola dereita e continúa pola gándara cha. Algún ciclista, animado pola pendente segue de fronte sen escoitar os berros dos demáis; cando perde impulso, rectifica o seu erro. Pouco treito despois o tributario Rego das Touzas serve para que os “bikers” máis garridos intenten o paso pola auga en vez de pola pontella. Con sonoros vítores do resto conquírenno, ainda que mergullándose ata os pedais. O rosario de deportistas continua seguindo o vieiro por Boudañeira ata Ponte Olveira.

“Esta ponte coa de Brandomil, eran as dúas máis importantes que
cruzaban o río Xallas. Por ela pasaba o antiguo camiño
que se dirixía á comarca de Fisterra.”
(Pombo; 2000: 91)

O pé da ponte (Km.60), os ciclistas visitan un prado que baño, parada agradable como noutras ocasións cando ían polo Camiño de Fisterra. Durante a comida refresco os pés dalgúns e escoito que seguirán as indicacións e sinais do histórico itinerario durante un tramo. Así é. Continúan ata Santiago de Olveiroa por estrada, ascenden polas costas do

Monte Sino (Km.63,5) e descenden con tino cara o paso do Rego de Hospital. (Km.65) No traxecto sorpréndolles polos meus repentinos cambios de carácter: agora manso no encoro de Ponte Olveira, despois ledo entre os granitos lambidos polo meu incesante discurrir; todo elo enmarcado por un decorado agreste no que sobresaen os colosos viraventos dos Montes de A Ruña.

Cando os cicloturistas superan as augas do afluente por unha destrozada pontella deben soportar o peso das súas monturas pois o tramo non é transitable nen para os que poseen mellor forma física. No alto, toman a pista pola dereita e logo un ramal que sube pola esquerda abandoando as sinais amarelas do Camiño de Fisterra. Por mor da escalada as distancias entre os ciclistas aumenta pero xa no alto xúntanse para admirar a Pedra Cabaleira, curioso fenómeno da erosión eólica. (Km.66).

Repostos folgos, continúan sen dúbidas pola pista que agora descende cara o NW ata unha torre de liña eléctrica onde viran á esquerda para máis adiante desembocar no asfalto ata Brasal. Antes das casas realizan un novo xiro á esquerda para atoparme. (Km.67,5) De seguido veu o encontro. Eu ofrezo unha imaxe repousada polo cinto que me oprime: o Encoro de Castrelo. Sen baixar ata a presa, toman unha pista de terra pola dereita. (Km.68,5) Sinto que, como auténticos ciclistas de montaña, disfrutan do espacio bravío, da miña serodia xuventude, do percorrido na miña compaña. Son estas terras esquencidas por case todos, so recordadas cando o progreso doutros lugares precisa reprimirme con encoros, chantar viraventos, ou afastar a súa industria. Cicais os ciclistas, feros corvos do Xallas hoxe, comparten os meus pensamentos cando nunha das voltas da pista contemplan na miña ribeira contraria o verde tesouro da devesa de Anllares e divisan a fervenza que forma o Rego de Valdeano antes de donarme as augas. Un anaco máis arriba cando a pendente do afluente disminue superan o cauce por unha pontella (Km.70,5), dirixíndose a rústica aldea de Xestosa coa que manteñen contacto visual. Antes de penetar no núcleo, doblan case 360 graos cara á esquerda sobre asfalto.

Os ciclistas afástanse de mín pero eles e eu concedémonos licencias de amistade madura. Levamos case todo o día compartindo ceo, espacios e paisaxes e xa nos coñecemos. Eles buscan sempre a miña compaña obrigados pola disciplina imposta polas súas máquinas e eu persigo o mar sen descanso.

No alto do Campo da Ovella (Km.72,5) teñolles gardado outro agasallo. Enfronte, lonxe e perto a vez, como un capricho da natureza, como unha orografía doutro planeta elévase orgullosa a mole pètrea do Macizo do Pindo.

O poderoso macizo do Monte Pindo érguese sorprendentemente sobre a costa coruñesa próxima a Fisterra, entre os termos de Carnota e o Ezaro, culminando a 627 m. no Pico da Moa. Os axentes xeolóxicos traballaron o granito vermello que o constitue oixinando estrañas e fantasmagóricas formas que acentúan a súa cor cando os raios de sol caen oblicuamente sobre a rocha pelada

(Velez/Pereiro; 1993:104)

Seguindo a estrada asfaltada e sen desvios, os amigos cicloturistas descenden atravesando as localidades de San Crimenso e Sta. Uxía e contemplan a miña derradeira contribución á humanidade: o encoro de Sta. Uxía. Ata aquí vivín eu. Encoros arriba fun verdecer de prados, satisfacer troiteiros, mover rodicios, refrescar corpos, contrastar paisaxes. A partires deste muro de formigón non son río, xa non son Xallas. Pecháronme nuns cilindros escuros, mudáronme en desfiañados de auga, mutáronme en pozas estancadas. O destino de todo río non chegou, o traballo do camiño de nada serviu, a conquista da roca de pouco valeu…

¡Marchade amigos! ¡Ide de aquí ciclistas! Seguide a estrada; desde o Mirador do Ezaro (Km.76,5) ….

Buscade coa vista o monte Peñafiel na outra banda, a sima do Coadoiro no fondo e o océano no fin. Descendede pola forte pendente sobre asfalto e cemento coas “manetas” contra o guiador e sempre cara a dereita. Xa no baixo (Km 77,9), imaxinade como era o meu apoteósico final, como o río Xallas deitábase no mar. Pero…se algún de vos, nobres cabaleiros, ainda porta auga pura do rego de Bazar no seu bidón cumpride a derradeira vontade do voso compañeiro de aventuras:

¡Vertédea no mar do Ezaro! (Km.78,6)

No pude acercarme a ver como se despeña,
pero pasé muy cerca del sitio, y me informé que,
cae, no haciendo salto ni catarata, si no precipitándose
como cascada y haciendo en el fondo un pozo de inmensa
profundidad y peligroso, levantando como monte de espuma
y polvoreda, pues el Ezaro lleva muchísima agua.”
(P. Martín Sarmiento :“Viaje a Galicia”, 1745)

“imaxinade como era o meu apoteósico final, como o río Xallas deitábase no mar.”


BIBLIOGRAFÍA

Caramelo Rego, C. e outros (1995): “Espacios naturais de Galicia. 1.Provincia de A Coruña”; Bahía Edicións, A Coruña.

Dopazo Fontán, X.C./Simón Rúa, X. (1998): “Os mosteiros de Galicia en bicicleta de montaña”; Edicións Xerais de Galicia. Vigo.

Laredo Verdejo, X.L. (1982): “Galicia Enteira 5. Terra de Santiago”,

Edicións Xerais de Galicia. Vigo.

Pombo, A. / Fernández Carrera, X. / Yáñez, X.M. (2000): “O Camiño dos Peregrinos á Fin do Mundo”. Deputación Provincial de A Coruña. A Coruña.

VV.AA. (1974): “Gran Enciclopedia Gallega”; Silverio Cañada, editor, Gijón-Santiago.

Souto, J./ Taín, M. / De Torres Luna, M.P. (1997): “Santa Comba. Arte. Historia. Geografía.” Parroquia de Santa Comba.

Vélez Barrio, E./ Pereiro Vizcaíno, M.C.(1993): “As Montañas de Galicia” Edicións Xerais de Galicia, Vigo.

Facer un comentario

You must be logged in to post a comment.

Sitios que che interesan

Destacamos

As nosas Rutas

Wikiloc