Volta a Malpica de Bergantiños

30 Abr 2010 , Non hai Comentarios »

Percorrido: Malpica – Monte Neme – Buño – Lequerda – Pedra da Arca – As Torres de Mens – Pico do Castro – Santo Hadrián – Malpica.
Distancia: 50Km.
Autor: Pedro Delgado Núñez

PRESENTACIÓN:

Malpica de Bergantiños, é un concello situado no Noroeste da Provincia de A Coruña, no comenzo da mítica Costa da Morte . Neste espacio mixtúranse as agrestes paisaxes da beiramar, coas doces vistas das súas agras e bosques. Neste percorrido sobre bicicleta de montaña descubriremos os lugares máis sobranceiros do seu territorio gracias á viaxe pola costa do Nordés, á escalada do Monte Neme, á visita á Anta de Pedra da Arca, a conquista das Torres de Mens, e a romaxe á capela de Santo Hadrián do Mar e recalar de novo na antiga vila baleeira de Malpica, principio e fin da nosa peregrinaxe.

Ficha técnica

Distancia: 50 Km.
Cartografía: Mapas do I. G. N. de escala 1:25.000. Follas 44-I (Malpica) e 43-II (Corme).
Superficie e vías: Principalmente corredoiras e pistas forestais de terra e tamén pistas asfaltadas.
Ciclabilidade: Total exceptuando a saida da Praia do Riás con 100 metros de forte pendente técnica.
Tempo aproximado de duración: 4 horas e 30 minutos.

Dificultade:

Técnica: baixa.

Física: media debida á distancia.


LIBRO DE ROTA

Saimos da mariñeira vila de Malpica pola estrada cara Carballo. Unha vez que deixamos á dereita o cruce hacia Ponteceso viramos á esquerda por unha pista asfaltada ata o Campo de Fútbol “Pedra Queimada” (Km. 3,5). Dende este lugar podemos observar unha magnífica vista da vila e porto de Malpica semellando un gran barco fondeado. Seguimos polo asfalto cara á derita e viramos despois á esquerda e tras cruzar por debaixo da liña eléctrica contactamos co noso elemento natural a terra. No seguinte cruce continuamos todo dereitiño sen desviarnos.

Seguindo a liña da costa acantilada do nordés por unha estreita pista de terra chegamos a un bosque de piñeiros. Pedaleando cara o sur saimos as agras perto da aldea de Seixas. Tomamos un cruce á esquerda para alcanzar as casas do lugar de Ardeleiro. (Km.8). Nesta aldea viramos á esquerda no pé do único alcipreste da zona e encamiñámonos sobre asfalto ata o lugar de Loroxo.

O seu humilde e erosionado cruceiro diríxenos ó campo de fútbol da veciña aldea de O Ceán, situado nas proximidades da pista de terra que nace pola esquerda unha vez que saimos do núcleo aldeán. (Km.9,5) Bordeamos o terreo de xogo e na porteria contraria iniciamos un impresionante descenso pola corredoira da nosa esquerda ata a recollida e solitaria praia de San Miro. (Km.11) Ascendemos dende a beiramar por unha pista de terra para virar no segundo cruce á esquerda.

Ascendemos dende a praia de San Miro…

Continuamos paralelos a costa por un fermoso tramo entre bosques de piñeiros radiata e castiñeiros. Saimos a unha pista asfaltada que en brusco descenso leva ata area da agreste praia de O Riás. (Km.13,5) Tras badear o rego que morre na praia comenzamos xa a escalada o Monte Neme , vixía da bisbarra de Bergantiños, lexendario lugar de círculos líticos, aquelarres das meigas, e de historias máis cercanas no tempo procedentes da explotación de wolframio. Este primeiro tramo de cen metros de corredoira en forte pendente resulta o de maior dificultade da ascensión tan so ciclable para os “bikers” máis técnicos.

…graciñas á pendente admiramos mellor a beleza do lugar…

Pronto saimos a unha estrada asfaltada para seguir subindo con relativa comodidade ata chegar á aldea de Aviño onde viramos a esquerda sobre o asfalto da estrada que leva a praia de Razo. No cambio de pendente da estrada, límite con cartel indicador do término de Malpica, escollemos unha pista forestal que continua ascendendo cara as antenas do cumio. A media subida viramos en dúas ocasións á esquerda sobre pistas de terra para finalmente, xa nas proximidades do cumio, facelo á dereita e chegar así o punto máis elevado do itineraio con 384 metros.(Km.18)

Desfacemos o camiño da ascensión ata o segundo cruce indicado anteriormente para continuar a baixada pola pista principal ata aldea de A Trema onde de novo rodamos sobre asfalto. (Km.21)

Seguimos polos lugares de A Pedrosa e a Xesteira ata a igrexia de San Martiño de Cambre onde podemos repoñer a auga dos bidóns na fonte pública da área recreativa. (Km.22)

…igrexia parroquial e área recreativa de Cambre…

Xiramos á esquerda por Loutoño entre as casas. Pola estrada principal chegamos ata a estación de servicio de Ponte Balsa nas proximidades do povo oleiro de Buño. Cruzamos a estrada local Buño-Malpica e tomamos a pista asfaltada entre o Centro Comarcal e a estación de servicio ata chegar a un gran hórreo con feitura bergantiñan e orixinais buratas.(Km.24) Unha corredoira parte do seu pé para transformarse despois en pista asfaltada e adentrarse nunha plantación de eucaliptos. No alto dun pequeño outeiro pola dereita parte unha corredoira que escolleremos se desexamos visitar o reconstruido muiño do Carballo e a abellariza de Santo Estevo.

De novo na pista forestal asfaltada a carón dun magnífico carballo seguimos ata unhas naves industriais . Neste lugar viramos a esquerda para seguir paralelos ó río por unha pista esterita de terra e voltar a cruzalo máis abaixo.(Km.26). Subimos unha costiña para encamiñarnos por corredoira ata o lugar de Arixón. (Km 27)

Nesta aldea con casa de pasado nobre collemos cara á dereita unha estrada de trazado dereito ata a igrexa de San Cristovo de Cerqueda. (Km 28) Circulando por diante da portada do templo cruzamos de novo o Río de Vaa pola Ponte da Braña.

Entre as agras discurrimos pola pista da dereita ata un cruce que desfacemos a dereita xa pola estrada asfaltada. Xunto dunha casa viramos á esquerda e máis tarde o pé da seguinte á esquerda adentrándonos no monte por unha pista forestal que nos levará ata a anta denominada Pedra da Arca. (Km.31).

No cruce de camiños próximo ó monumento megalítico escollemos o da esquerda segundo a nosa chegada. Rodando con dificultade a través da corredoira estragada polas rodeiras dos tractores chegamos ó cruce que o mapa topográfico nomea como O Marco. Seguimos de frente ata chegar a unha pista asfaltada. Pola esquerda saimos do término municipal de Malpica na Ponte de Limiñoa e alcanzamos o lugar de Limiñoa de Ponteceso. (Km 33) Entre as pimeiras casas parte unha pista pola dereita que achéganos ata un humilde cruceiro sobre un valado. Este indícanos virar primeiro á esquerda e seguidamente á dereita para descender de novo ata un regato que cruzaremos.

Saimos a unha pista asfaltada que continuando pola esquerda nos leva a aldea de Badarra (Km. 35) coa vista posta nas dominantes torres do Castelo de Mens.

No mesmo lugar de Badarra viramos á dereita e pronto outra vez no mesmo sentido transitando por un camiño de servidumbre que nos conduce ata o pé das Torres. Saimos durante unhos metros á estrada Malpica-Ponteceso para seguidamente continuar por unha pista asfaltada que nos permite rodear o recinto amurallado dos Señores de Altamira.

…o castelo de Mens recobrou o seu esplendor medieval…

Se desexamos admirar os ábsides románicos da igrexa de Santiago de Mens debemos seguir durante uns centos de metros en dirección contraria á escollida e retomar o itinerario no mesmo lugar no que o abandoamos. Por esta pista asfaltada entramos nun bosque de piñeiros en dirección noreste. Pasamos por diante dun peto de ánimas perto dunha casa aillada, e a carón da capela do Espíritu Santo con cruceiro e escudo. Máis adiante sen tomar ningún dos desvíos que aparacen a ambas beiras da estrada ata chegar ó lugar chamado Río de Vaa atoparemos distintos muiños de auga e unha pequena área recreativa onde recuperar folgos. Voltando á pista principal seguiremos en falso chan ata As Casas do Monte. (Km. 39).

Máis adiante deixaremos un cruce entre as casas da aldea de A Pontella para seguir de frente sen despreciar unha detallada mirada ó peto de ánimas que existe neste mesmo lugar. No kilómetro 41 atopamos de novo a estrada Malpica-Ponteceso, para seguir a indicación: Ermida e Cabo de Santo Hadrián. Empezamos aquí a ascensión á ùltimo fito salientable da xornada: O Pico do Castro. Sen deixar de rodar sobre asfalto chegamos ó cumio sinalizado por antenas e repetidores para admirar á beleza e singularidade das Illas Sisargas. (Km.44).

Desfacemos camiño coa mirada ó lonxe posta na vila malpicán e viramos a esquerda por unha pista de terra que conduce ata Ermida de Santo Hadríán do Mar. (Km.45). E éste lugar de romaxe para as xentes de Bergantiños onde non falta cruceiro, lenda e fonte santa.

Continuamos o desecenso pola pista, pasamos por diante da fonte do Santo e nos diriximos paralelos á costa cara A Praia de Seaia. Cando estamos perto dela viramos á esquerda por un brevísimo repeito que bordea a enseada, cruza a pista de acceso a praia e lévanos á outra ribeira. (Km.48)

Seguimos pola esquerda ata un cruce de camiños onde finaliza a pista de terra que se transforma en corredoira. Ascendemos por ela e vemos xa á poucas pedaladas de distancia o fin da etapa: A Praia Maior de Malpica de Bergantiños. (Km.50).

MAPA DO ITINERARIO:


PERFIL


Realizado por Pedro Delgado Núñez

Facer un comentario

You must be logged in to post a comment.

Sitios que che interesan

Destacamos

As nosas Rutas

Wikiloc